Os devotos da Virxe do Carme a pique estiveron este ano de quedar sen festas en Cesantes porque ata hai dous meses non había xente que se fixera cargo da Comisión. Ante esta situación e para non perder a celebración máis importante da parroquia, os membros da Comisión de Festas de San Pedro decidiu asumir a responsabilidade de organizar tamén estas festa nun tempo record. O resultado:  un programa de actividades festivas e relixiosas que arrancarán na tarde do venres e que vivirán na tarde do sábado unha das citas máis arraigadas nas poboacións mariñeiras, a procesión marítima.

En tan só dous meses lograron pechar un programa que se desenvolverá dende mañá venres ata o domingo con citas relixiosas, verbenas e propostas para os máis pequenos. Así o día 14 as actividades arrancará ás 17:00 horas “É un día pensado para o público familiar” explica a presidenta da Comisión, Beatriz Rodríguez”comezaremos cunha festa infantil, haberá obradoiros e exhibicións de baile e música co grupo Airiños da Peneda e unha noite amenizada polo DJ Rodri Veas e o grupo Raúl&Cía”.

O sábado a verbena estará amenizada polas orquestras Costa Oeste e Foliada e o domingo Garibaldi e La Ricura.

Con todo, unha das citas máis salientables e´a procesión marítima que congrega ao redor dun milleiro de persoas. Unha treintena de embarcacións co “Colomba” ao fronte participarán desta procesión polo mar que partirá ás 17:30 horas e que conta cunha gran tradición nunha parroquia de mariñeiros. “Un dos motivos que nos levou a tomar o mando da comisión foi precisamente para celebrar esta procesión”.

Unha procesión na que a imaxe da virxe lucirá un renovado manto. Trátase dunha peza única encargada pola Comisión de Festas e elaborada integramente con motivos mariñeiros. Este manto ven substituír o que a Virxe luciu nos últimos 32 anos e que segundo explican xa estaba un tanto deteriorado.

 

Fonte Radio Redondela