En Redondela, na parroquia de Vilar de Infesta, unha muller quedou ferida grave tras producirse un estoupido de gas no interior dunha vivenda. A casa quedou totalmente destruída. Segundo o 112, na casa había dúas bombonas e unha delas fora manipulada.

O Servizo de Urxencias recibiu o aviso pasadas as nove da noite. Varios veciños da parroquia redondelá de Vilar de Infesta alertaban dun estoupido nunha casa unifamiliar situada no camiño Fonte da Lata. Ata o lugar trasladáronse varias unidades policiais, protección civil e bombeiros de Vigo e do Baixo Miño.

Tras a detonación declarouse un lume na vivenda, de difícil acceso, que quedou totalmente destruída. Segundo o 112, no interior do inmoble había dúas bombonas e unha delas estaba manipulada. Polo momento, descoñécese se o estoupido foi accidental ou intencionado. A muller ferida foi trasladada á unidade de queimados do hospital Povisa con prognóstico grave.

 

Fonte TVG