Teatro, maxia e música serán os protagonistas do XVIII Festival Internacional de Artistas de Rúa que se celebra o 4 e 5 de agosto con dez espectáculos distribuídos polas prazas e rúas do casco urbano de Redondela e a alameda de Chapela. Un festival que coincidirá o venres coa Shopping Night na que cincuenta establecementos abrirán a súas portas máis alá da medianoite para ofrecer descontos, sorteos, photocall e moitas sorpresas.

 

Artistas locais e nacionais daranse cita na XVIII Festival Internacional de Artistas de Rúa na primeira fin de semana de agosto con actividades para todos os públicos e que pretende encher as rúas de Redondela de xente e diversión. As actuacións comezarán na xornada do venres na alameda de Chapela, coa actuación ás 12.30 horas do espectáculo de teatro de rúa “A tropa do doutor Miragres” coa compañía local Iventi Teatro que repetirá este espectáculo itinerante dende a rotonda de Pai Crespo até o aparcadoiro do mercado ás 20.00 horas. Juste Kamishibai presentará o seu teatro de papel dende a praza de Santiago até a praza de Lenda. A maxia chegará da man do Mago Richard e Los Alcántara levarán o seu espectáculo á praza de Ponteareas. O humor e a música serán os encargados de pechar a programación do venres coa agrupación viguesa Abmiran Quartet.
O sábado as actividades comezarán ás 20.30 horas na praza da Constitución co Capitán Garfo, media hora despois será a compañía catalá EQM quen presente “Os segredos de Mister Stromboli” na que recuperan aos charlatáns que ían polas feiras no século XIX tentando vender todo tipo de elixires e media hora despois teremos a oportunidade de ver O Virabay dende a praza de Lenda até Reveriano Soutullo. Os encargados de pechar a programación será a compañía Ars Combinatoria co seu espectáculo “Dulcis Armonia” no que fan un percorrido pola música trobadoresca máis significativa da España medieval e o colofón porano os Pomper coas súas pompas de xabón xigantes na Casa da Torre.
Shopping Night
Un Festival que como en anos anteriores coincide coa celebración da Shopping Night na que cincuenta establecementos de Redondela ofrecerán o venres até despois da medianoite descontos nos seus produtos, concursos, agasallos, mesas de degustación e actividades sorpresa para atraer aos clientes até o comercio local.

Fonte ; Radio Redondela