As illas máis coñecidas da ría de Vigo son as Cíes. Pero o fondo da enseada agocha a unhas grandes descoñecidas, menores en tamaño e testemuñas de once séculos de historia. Hoxe visitamos o arquipélago de San Simón, unha paraxe integrada na Rede Natura e un conxunto monumental declarado Ben de Interese Cultural.

Os trobadores medievais que cantaron ao mar de Vigo reciben aos visitantes na illa habitada desde o século X. Non quedan restos do mosteiro que construíron as primeiras ordes relixiosas que se asentaron en San Simón e, no seu lugar, eríxese unha capela do XIX. O paseo discorre polo parque botánico agromado polas sementes que chegaron nos barcos de Ultramar, xa que as illas foron lazareto marítimo e residencia hospitalaria. A pasaxe máis negra da súa historia foi do 36 ao 43 do século XX, cando se convertiu en campo de concentración para 6.000 presos do franquismo
Estas illas son un dos segredos mellor gardados da ría de Vigo, escenario de batallas como a de Rande no século XVIII e de novelas como “20.000 leguas de viaxe submarina”. Un proxeto de rehabilitación do arquitecto César Portela a finais dos noventa devolveu o esplendor ás pequenas protagonistas de once séculos de historia. O arquipélago pertence ao concello de Redondela, conta coa declaración de Ben de Interese Cultural e está integrado na Rede Natura.

 

Fonte :TVG