A Agrupación Municipal de Protección Civil de Redondela organiza as II Xornadas de Protección Civil, denominadas “Redondela-Reanima”, o domingo 6 de agosto ás 11:00 horas, na praia de Cesantes en Redondela. Preparan un espectacular dispositivo no que participarán máis de 150 profesionais e voluntarios de diferentes agrupacións, sanitarios e técnicos de emerxencias.

 

Saturno Ferreira Couñago, presidente da Agrupación Municipal de Protección Civil de Redondela, explica que o simulacro constará de tres operacións diferentes. Na primeira rescatarán vítimas na praia, logo simularán o impacto dun kit surf contra unha embarcación, e por último realizarán a evacuación dos tripulantes dun barco ardendo. No operativo participará o Helicóptero Pesca 1 da Xunta de Galicia e o Helicóptero Medicalizado do 061, unha UVI móbil e as 4 embarcacións de salvamento do servizo de Protección Civil redondelán. Durante a xornada porán en marcha tamén varios talleres dirixidos a público infantil e adulto, que se instalarán en varias carpas no paseo da praia. Nun dos talleres ensinarán técnicas de reanimación cardiopulmonar, noutro técnicas para axudar a unha vítima de atragoamento, e un terceiro centrarase nos controis de tensión arterial e glicemia. Tamén haberá un obradoiro de debuxo para os máis pequenos, con diferentes agasallos para eles. Os obradoiros estarán abertos ao público desde as 11.00 ata as 14.00 en horario de mañá e de 16.00 a 19.00 horas pola tarde.

Fonte: Radio Redondela