Máis de 300 corredores e camiñantes participarán este domingo, 3 de Setembro, na primeira edición do Trail do Berete. Farán un percorrido de 25 quilómetros na carreira, e os que opten pola andaina farán un circuito de 12 quilómetros. Atravesarán algúns dos mellores paraxes da ría de Vigo pasando por Chapela, San Vicente de Trasmañó, Cedeira e San Esteban de Negros.

 

A proba está organizada pola Asociación Deportiva C.A.R. En colaboración co Concello de Redondela. Na presentación, celebrada na tarde de onte, Fracisco Otero, presidente de C.A.R., explicou que se trata dun percorrido “espectacular” no que participarán máis de 200 corredores e uns 130 camiñantes. A iniciativa xurdiu dos irmáns Iván e Daniel Covelo, veciños de Chapela e atletas, que habitualmente adestran pola contorna. Co obxectivo de compartir con outros deportistas este espectacular paraxe, puxeron en marcha o I Trail do Berete, no que levan traballando máis dun ano. Un percorrido “esixente”, segundo Iván, con 1.300 metros de desnivel positivo. Con todo, asegura que “paga a pena” xa que atravesa diferentes puntos de interese como os Muíños do Rego do Fondón, o miradoiro do Banco, o Castro de Negros, Monte Penide, a Mámoa do Rei e varios petróglifos. Para o público familiar hai un percorrido alternativo, unha andaina de 12 quilómetros cun desnivel de 500 metros que tamén pasa polas zonas de interese natural, paisaxístico e histórico. Unha ruta apta para rapaces e adultos. Durante o transcurso da competición, haberá tamén actividades na explanada do pavillón de Chapela para os acompañantes a partires das 9.00 horas, e un gran avituallamento ao finalizar a xornada. A alcaldesa en funcións, Carmen Amoedo, sinalou que esta proba é un bo exemplo do éxito que teñen os eventos que misturan “deporte e natureza”. A contorna na que se desenvolve, ademais, permite poñer en valor unha zona de gran valor paisaxístico, natural e patrimonial, e dalo a coñecer. Os irmáns Covelo agradeceron a implicación de C.A.R. para facer realidade este I Trail do Berete, así como a colaboración do Concello e das empresas colaboradoras. O evento tamén terá unha vertente solidaria. Parte do prezo da inscrición será doado á ONG Andaina, unha asociación de Redondela de nais e pais de nenas e nenos con necesidades especiais.