Os votos a favor de todos os grupos da oposición a unha moción presentada polos socialistas impedirán que se dea luz verde a unha proposta do Consello Parroquia de Chapela que formulaba a adquisición do polémico edifico da Puntela, na rotonda de acceso a AP-9 nas inmediacións do Centro de saúde. O acordo aprobado establece que o concello “non poderá comprar ningún edifico en construción que non se axuste á legalidade urbanística”.  O acordo ampliouse cunha proposta de AER que contempla que se retomen os expedientes de infracción urbanística desta edificación.

Un pleno, por algún momentos tenso, o que se vivía onte en Redondela e cuxo principal punto na orde do día xirou en torno ao polémico edificio de Chapela, unha construción sen rematar dende hai máis de 20 anos e cuxa adquisición por parte do Concello foi aprobada no Consello Parroquial de Chapela a proposta da Asociación de Afectados pola AP-9.

Unha iniciativa que non será posible logo de que os votos da oposición apoiaran a moción dos socialistas nas que se establece que o Concello non adquirirá ningún edifico que non se axuste a legalidade urbanística. O socialista Leonardo Cabaleiro defendía a proposta do seu grupo argumentando que o goberno local “está a poñer por diante os intereses dos promotores do edificio cando amosa a súa disponibilidade a estudar a súa adquisición”. Aseguraba que “este movemento responde a unha débeda do PP” en referencia a moción de censura que no 1996 fixo alcalde a Amado Ricón grazas ao apoio dun tránsfuga vinculado a esta construción.
Tamén de “intereses escuros” falaba o edil non adscrito Enrique Fojo, mentres que dende o BNG criticaban a “ilegalidade manifesta que quere perpetrar o PP”. Acusaba o nacionalista Xoán Carlos González ao alcalde de manipular aos veciños “xa que é competencia exclusivamente de Javier Bas a compra ou non deste inmoble” e o acusaba de estar a enfrontar aos veciños.

Dende AER ampliaban a moción engadindo un segundo punto para que se retomen os expedientes de infracción urbanística que pesan sobre esta edificación A intervención da voceira do PP, Carmen Amoedo, xirou en torno aos intentos que dende PSOE e BNG se terían feito no pasado de cara a legalizar precisamente este edificio e desvinculou este movemento da moción de censura de hai vinte anos.
Finalmente a proposta saíu adiante co voto a favor dos grupos da oposición e a abstención do PP, quen argumentou esta postura alegando que “o acordo non hai por onde cóllelo xa que é evidente que o Concello non pode facer algo ilegal”. A decisión do pleno non foi ben recibida por unha parte do público, persoas vinculadas a Asociación de Afectados da AP-9 quen abandonaron o Multiúsos cunha acalorada intervención na que abroncaban aos grupos políticos da oposición.

Fonte :Radio Redondela