Os comuneiros de Trasmañó, no concello de Redondela, apostan pola castaña como alternativa á venda de madeira. Queren diversificar os recursos do seu monte, para convertelo nunha alternativa laboral para a veciñanza. Os castiñeiros que plantaron na primavera xa comezaron a dar os primeiros froitos.

No mes de marzo, os comuneiros de Trasmañó plantaron 400 castiñeiros no monte Mirallo. Ata ese momento nesta zona había eucaliptos, acacias e piñeiros que creceran de xeito desordenado e sen control. Tras facer a corta e vender a madeira, decidiron darlle un novo uso ao terreo.

Trátase da primeira plantación de castiñeiros longal e famosa que se fai no sur da provincia de Pontevedra. Estas especies, máis propias do interior, producen castañas dun alto valor comercial. Nun prazo de tres ou catro anos xa se poderán facer as primeiras recolleitas pero o proxecto vai moito máis alá. O obxectivo primordial da directiva e reordenar o monte para que se converta nunha alternativa laboral. Seis meses despois da plantación, comezan a dar os primeiros froitos. Polo momento, son uns poucos ourizos pero, en dez ou doce anos, os castiñeiros estarán a pleno rendemento.

Fonte ;tvg