III Exhibición Solidaria Bailemos todos polos peques a favor de UNICEF  O domingo 8 de outubro no Polideportivo A Marisma (Redondela) Redondela, 4 de outubro de 2017.- O próximo domingo 8 de outubro ás 18.30 horas no Polideportivo A Marisma, os veciños de Redondela teñen unha cita na 3ª edición solidaria Bailemos todos polos peques a favor de UNICEF. Organizada por Asociación Piyopi Animación coa colaboración de prestixiosas academias de Galicia como Unidance, Artmadance-Salsarica, Odisea Factory Dance, Ballet Deborah Alfaya, Airiños de San Simón, Pandeireteiras Choqueras, Escola de Baile Miriam Piñeiro e Karina Mores-Tango e co patrocinio do Concello de Redondela.

A exhibición contará como convidada especial coa Coca Simona e en representación do Comité UNICEF Galicia estará Patricia Olaberry (Pequitas).

Ao finalizar a exhibición todos os asistentes están convidados a participar nun Flashmob: “Bailemos todos”. Cunha coreografía a cargo de Sarai Rodriguez Campos, Piyopi e as academias participantes. O evento Bailemos polos peques, na súa 3ª edición ten como obxectivo sensibilizar sobre os dereitos da infancia que recolle a Convención sobre os Dereitos do Neno, con especial enfoque no dereito á saúde, a supervivencia e a importancia do acceso á auga.

Cos fondos recadados UNICEF mellorará en Níxer as condicións de auga, hixiene e saneamento mediante a construción de puntos de auga e letrinas separadas por sexo, a creación dunha contorna protectora, tanto na comunidade como nos centros de saúde e as escolas, e o fortalecemento das capacidades das comunidades no funcionamento e mantemento das instalacións.
“Uns poucos facemos un moito” que é o lema inspirador desta exhibición, sempre nos alenta a seguir forxando un mellor horizonte para os peques.