Son xa 25 os incendios activos en Galicia. Tres deles en nivel dous de alerta: San Cristovo de Cea en Ourense, Cervantes en Lugo e Pazos de Borbén en Pontevedra. Medios aéreos e terrestres loitan contra as lapas para evitar que cheguen ás casas. Medio Rural denuncia que os lumes son intencionados.

Mañá de domingo moi complicada no referente aos lumes que están afectado o sur de Galicia. Arestora o que máis preocupa é un grande incendio que está activo en Redondela e Pazos de Borbén. O lume ameaza núcleos urbanos e obrigou a desaloxar varias vivendas.

Veciños, axentes, bombeiros e brigadistas loitan contra a voracidade dun lume que nos concellos de Redondela e Pazos de Borbén segue ameazando núcleos enteiros de vivendas como os de Cepeda, Amoedo ou Nespereira. Porque moitos destes veciños levan toda a noite intentando frear un lume que nalgúns casos obrigou a moitos deles a pasar a noite fóra das súas casas.

Outras naves desta zona de Cepedo non correron a mesma sorte. Algunhas quedaron completamente calcinadas. Os propietarios doutras naves lindeiras, afanábanse esta mañá en arrefriar a zona á espera de que chegasen os equipos de extinción.

Porque este incendio xa leva calcinado un total de 1.500 hectáreas de monte nas zonas de Redondela, Pazos de Borbén, Mondariz e Ponteareas. Con todo, as condicións meteorolóxicas non axudan, as temperaturas son altas e vai tamén moito vento.

O lume, obrigou a cortar varias estradas para evitar pór en risco a poboación, que loita como pode contra a virulencia das lapas dun incendio que arestora segue activo.
O lume segue avanzando e ameazando moitos núcleos urbanos. O intenso fume tamén está a complicar os labores de extinción dende o aire.

O día non só está a ser complicado nos concellos de Pazos de Borbén e Redondela. No sur da provincia de Pontevedra o lume non deu tregua e o fume tinguiu esta mañá toda a Ría de Vigo. Arestora en Gondomar está activo un incendio que afecta á parroquia de Morgadáns. Alí medios aéreos e terrestres loitan contra o lume para evitar que chegue ás casas.

Algúns accesos están cortados ao tráfico e o fume mesmo comeza a afectar a autoestrada entre Vigo e Baiona. Precisamente en Baiona volveu activarse o incendio declarado na Virxe da Roca. O lume ameazaba esta mañá con chegar a un hotel situado nas proximidades. Son só dous exemplos da elevada actividade incendiaria, con clara intencionalidade e virulencia, que se está a rexistrar en Galicia nas últimas horas.

O lume volvía sacar a xente das súas casas. Se unha gran parte das provincias da Coruña e de Pontevedra conseguían librarse dos incendios a semana pasada, nas últimas horas a contorna de Vigo e a serra do Barbanza sufrían o efecto das lapas. O lume comezaba sobre a medianoite no monte Galleiro, en Pazos de Borbén, moi preto de Vigo. Catro puntos de inicio ao longo dunha única estrada; orixe intencionada, manexan dende Medio Rural.

As altas temperaturas da noite e uns ventos que chegaron aos 50 quilómetros por hora, impulsaron a lingua de lume que avanzou polo monte cara ás vivendas da parroquia de Nespereira. Os veciños saíron das súas casas para loitar como puideron contra a natureza. Algúns foron desaloxados polos servizos de emerxencia diante da presenza das lapas, que avanzaron nunha fronte de varios quilómetros visible dende toda a ría. O incendio saltou á estrada, queimou as naves dunha empresa e varios vehículos, mentres brigadas forestais e bombeiros tentaban paralo.

A Garda Civil tivo que cortar a estrada en varios puntos mentres o lume chegaba finalmente ata Mondariz, Ponteareas e Redondela. Xa van 1.500 hectareas ardidas. Horas antes a mesma situación se vivía no concello de Oia, onde a virulencia das lapas obrigou a desaloxar dúas vivendas. Os medios de extinción tiveron que aplicarse a fondo para controlalo. E en Baiona e Gondomar tamén se rexistraron lumes.

Mentres, na serra da Barbanza, na provincia da Coruña, efectivos de Boiro, Valga, Padrón, Rois e Ribeira, entre outros, tiveron que mobilizarse para controlar un lume que ás cinco da mañá obrigaba a declarar a situación de alerta pola proximidade do lume ás casas na parroquia boirense de Cures. A actuación dos medios aéreos esta mañá conseguiu desactivar o aviso hai unhas horas.

 

fonte TVG