Accidente de tráfico en Rande, esta madrugada. Provocouno un kamikaze que se meteu na ponte en sentido contrario despois de entrar a contramán na AP-9. Ata que chocou de fronte contra outro coche, no quilómetro 147 da autoestrada, en Redondela, en plena ponte de Rande. Houbo que excarcerar os dous condutores. Os dous están feridos. E é que vendo como quedaron os dous vehículos, dá idea da forza do impacto.

O kamikaze é un mozo que conducía este Rober branco en sentido contrario pola AP-9 contra as dúas da madrugada. Ía en dirección Vigo, pero polo carril que vai cara a Pontevedra, e segundo testemuñas que avisaron o 112, no quilómetro 147 bateu contra o Volvo de cor vermella. Chocou con tal forza, que o coche do kamikaze envorcou. Os dous condutores tiveron que ser excarcerados de entre os ferros dos vehículos.

Segundo fontes da garda civil, o condutor kamikaze está ferido de gravidade, e o outro condutor ten feridas de carácter leve. Para axudar nestes labores, acudiron dúas dotacións de bombeiros, que rescataron as vítimas, varias ambulancias do 061, que evacuaron os feridos ao hospital Álvaro Cunqueiro, e tamén as emerxencias de Redondela e a garda civil de Tráfico, que instrúe o accidente e investiga por onde se puido meter o coche a contramán na AP-9. O sinistro foi moi aparatoso, pero dado que foi de madrugada, non provocou retencións, e non obrigou a cortar o tráfico en ningún momento.