A Asociación Andaina de atención a persoas con necesidades especiais organiza o vindeiro 11 de novembro unha intensa xornada na que se abordarán cuestións vencelladas coa atención á diversidade. A participación no evento ten un custe de 20€ e a inscrición debe realizarse a través do blog da asociación https://andainaredondela.wordpress.com/ antes do 7 de novembro.

Unha actividade que nesta segunda edición está orientada especialmente a profesionais da educación así como país e nais que precisan de ferramentas para traballar con eses rapaces que presentan diversidade funcional. “Sabemos que moitos profesionais atópanse perdidos cando lle chega un alumno con estas características e intentamos a través destas xornadas achegarlles métodos e ferramentas cos que traballar” explica o presidente de Andaina, Antonio García.

Salienta tamén o interese que xa na súa primeira edición espertara esta actividade e que contan con repetir o vindeiro día 11 “temos xa máis de medio cento de inscrición e notamos que están a espertar moito interese na bisbarra e noutros concellos máis afastados”.

Dende o Concello a responsable de Servizos Sociais, Carmen Amoedo salientaba a encomiable labor que realiza esta asociación “chegando a onde non chegan as administración e ofrecendo un espazo de encontro a aqueles país e nais que poden así recorrer a outras persoas na súa mesma situación para se asesorar”.

Esta é a segunda vez que Andaina celebra este evento co que se pretende chegar á situación real de persoas con diversidade funcional e crear, a través de talleres participativos, solucións orientadas nesta ocasión especialmente ao campo educativo. Con todo, están abertas non só a profesionais da ensinanza senón a familias ou profesionais do ámbito sanitario e da asistencia social.

Unhas xornadas que contan co apoio económico da Fundación La Caixa, tal e como explicaba un dos responsables da entidade Enrique Iglesias.

As xornadas contarán con servizo gratuíto de gardería e tradutor de linguaxe de signos.