Concurso de tapas, obradoiros sobre a música medieval, unha exposición no Multiúsos da Xunqueira e actividades para os escolares son algunhas das propostas que se van celebrar no noso concello dentro da programación de divulgación do pergamiño Vindel. A próxima semana inaugurarase unha exposición onde se recreará un escritorio medieval e o sábado once celebrarase unha charla concerto na Illa de San Simón sobre a música dos séculos XII e XIII.

Redondela súmase aos concellos que até a primavera van desenvolver un programa de actividades para dar a coñecer á cidadanía a relevancia do pergamiño Vindel, de oito séculos de antigüidade e considerado a partida de nacemento do galego e da nosa cultura. Propostas que van dende a gastronomía, pasando pola música, actividades para escolares e unha exposición no Multiúsos da Xunqueira no que se recrea o labor que desenvolvía os monxes nos talleres para a copia e encadernación dos códices. A primeira das citas será o sábado, 11 de novembro, na illa de San Simón onde o grupo Pres de Cambrai interpretará mostras da música dos séculos XII e XIII con réplicas de instrumentos medievais, realizadas por diferentes obradoiros de artesáns, nun obradoiro que leva o título de Pergamiño Vindel e a música no tempo de Martín Códax.

A partir do 14 de novembro os escolares redondeláns participarán de obradoiros que lles permitirán coñecer e recrear o laborioso proceso de escribir e ilustrar un pergamiño e a partir do mes de decembro, dende o día un e até o 10, a gastronomía será a protagonista cun concurso de pinchos que terá como particularidade que só se poderán empregar produtos das cociñas galegas do medievo, o que fará desaparecer ingredientes básicos na actualidade como o tomate, a pataca ou o pemento.

Activades que organiza a Xunta de Galicia xunto á Universide de Vigo até a primavera para a divulgación do pergamiño Vindel e no que participarán ademais do concello de Redondela, os de Vigo, Cangas e Baiona