O Concello de Redondela acolleu esta mañá a presentación do curso que se vai impartir nesta localidade a partir do vindeiro 23 de novembro. No acto, no que estiveron presentes representantes dos clubs de fútbol sala do municipio, participaron o presidente da RFGF, Rafael Louzán; o director da Escola de Adestradores, Manu Mosquera; o alcalde redondelán, Javier Bas, e o concelleiro de Deportes, Julio César Mougán.

Mougán foi o encargado de abrir o acto, agradecendo á RFGF ter pensado na súa vila como sede para esta actividade. A continuación, Manu Mosquera destacou o interese da RFGF en contar con persoas formadas e tituladas en todos os clubs, para que poidan ensinar e transmitir valores aos rapaces.

Na súa intervención, Rafael Louzán calificou a Redondela como “modelo” no ámbito deportivo por contar cunhas instalacións moi boas e concentradas. Instalacións ás que á RFGF, con este curso e outras iniciativas, pretende “dar contido”. O presidente da RFGF destacou que, coa integración do fútbol sala na estrutura federativa despois de 30 anos, a organización destes cursos pretende dar resposta á aposta da Federación por esta modalidade e pola formación dos técnicos. “Temos unha máxima: que en todos os bancos haxa polo menos unha persoa cunha titulación básica”, lembrou.

Javier Bas destacou que o traballo de Louzán foi “clave” no desenvolvemento deportivo da súa localidade. Bas agradeceu ao presidente da RFGF “o que fixo, o que está facendo e o que vai facer” por Redondela.

Presidente e alcalde pecharon o acto cun agradecemento aos clubs de fútbol sala polo seu labor.

 

Campionatos de España

Louzán propuxo ao alcalde que Redondela acollese algunha das tres fases dos Campionatos de España de Seleccións Autonómicas de fútbol sala feminino que foron outorgadas á RFGF (fase previa sub-21 e fases únicas sub-17 e infantil). Javier Bas mostrouse receptivo á proposta.

 

Fonte : Futgal