Conformada a executiva galega, o PSdeG que lidera Gonzalo Caballero afronta agora a renovación dos órganos provinciais. Un proceso que en Lugo, a 24 horas de que remate o prazo, conta con dous candidatos postulados oficialmente á Secretaría Xeral. No resto das provincias seguen os movementos para a elaboración de listas entre as distintas sensibilidades do partido.

O alcalde de Castroverde confirma que optará a dirixir o PSdeG en Lugo. José María Arias di que o fai para que os militantes recuperen o partido.

Un control desde a deputación, que nega o presidente do organismo provincial.
Darío Campos apoia publicamente o outro candidato postulado, o voceiro provincial, Álvaro Santos. E a 24 horas de que remate o prazo, non se descarta unha terceira candidatura dos partidarios de Gonzalo Caballero.

Para liderar o partido na Coruña aínda non hai candidatos postulados oficialmente.
Si hai nomes en Pontevedra. David Regades, concelleiro de Vigo e home de confianza de Abel Caballero, xa manifestou que quere optar á Secretaría Provincial. Fronte a el, o edil de Redondela, Eduardo Reguera, un dos avais de Gonzalo Caballero e Pedro Sánchez en Galicia.
En Ourense, o PSOE elixirá data para o congreso e as primarias esta fin de semana dividido no seo da actual executiva provincial, despois de que os críticos dimitiran en bloque.