A actividade, enmarcada dentro do programa de actos que se están a desenvolver en diferentes concellos da área metropolitana co gallo da exposición do pergamiño Vindel no Museo do Mar en Vigo, arrancaba na mañá de hoxe e prolongarase ata o 15 de decembro. O alumnado achegarase ao laborioso traballo dun copista medieval. O obradoiro, que leva por nome “Scriptorium”, complétase cunha exposición aberta ao público na que se poden ver os materiais empregados na iluminación e escritura dun pergamiño.

A Consellería de Cultura e Educación organiza, a partir de hoxe e ata mediados de decembro, un obradoiro que baixo o título Scriptorium. O mestre dos códices pretende introducir os máis novos no mundo da escritura manuscrita e a iluminación de códices. Un xeito diferente de aproximarse ao Pergamiño Vindel que xa cumpriu un mes de estadía en Galicia, no marco da exposición que acolle o Museo do Mar de Vigo.

Os martes e venres, desde hoxe e ata o venres 15 de decembro, alumnas e alumnos dos centros de ensino de Redondela poderán participar neste obradoiro que lles vai permitir coñecer e recrear o laborioso proceso de escribir e iluminar un pergamiño.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves; e a concelleira de Cultura de Redondela, Teresa París, déronlle a benvida á trintena de alumnos e alumnas de 5º de primaria do CEIP Santo Paio de Abaixo que participaron no primeiro dos obradoiros, ademais de visitaren a mostra que acompaña a actividade e que está aberta a todo o público. Esta primeira xornada completouse cun segundo obradoiro no que participou alumnado de 1º de ESO do IES Illa San Simón.