Este domingo celébrase o Torneo de Esgrima Histórica Vila de Redondela. O público poderá presenciar a competición desta arte antiga ao longo de todo o día, tanto na pista da Xunqueira como no pavillón municipal. Ademais todos os que o desexen poderán iniciarse na práctica deste deporte da man de monitores titulados, e completamente de balde.

A vila dos viaductos retrocede varios séculos no tempo para acoller este torneo da liga galega de artes marciais históricas. Unha cita que o edil de Deportes, Julio Mougán, pretenden consolidar no calendario deportivo redondelán. O concelleiro salientou “a vistosidade” desde deporte co que o público poderá gozar ao longo de todo o día, e animou aos veciños de todas as idades a coñecelo de primeira man grazas ás exhibicións e aos obradoiros que se van realizar. A Sala Viguesa de Esgrima Antiga, que preside o redondelán Damián Troncoso, organiza este espectacular evento. Nel participarán uns 30 deportistas de Galicia e doutras comunidades, e tamén de Portugal. Trátase dun torno mixto, e Troncoso salienta a “participación crecente de mulleres” na práctica da esgrima histórica. Explica que non é a forza “senón a técnica” o máis importante neste deporte. Esta disciplina recupera as artes marciais europeas antes de que se converteran nun deporte. Representan os combates tal como se facían entre o século XIII e o XIX. No torneo deste domingo haberá tres modalidades. A primeira delas, a Espada Medieval con Broquel, é a máis antiga, e realizarase na Pista da Xunqueira desde as 11.00 horas. Pola tarde, no pavillón municipal, mediranse na modalidade de Espada Roupeira e Espada Longa, desde as 16.00 horas. Troncoso anima aos redondeláns a presenciar e participar nestas actividades, que recuperan os combates antigos, malia que dun xeito “deportivo”. Advirte, iso si, que o público verá despois con ollos diferentes as escenas de loita das películas e series de TV, onde todo está “moi teatralizado”.