Dúas macetas con flores artesanais, cada unha delas identificada cun nome, serven para lembrar as 44 mulleres que no que vai de ano foron asasinadas polas súas parellas ou ex -parellas. Un drama o da Violencia de xénero que se lembra cada 25 de novembro con maior intensidade e que na mañá de hoxe contou coa presenza do alumnado do Instituto Mendiño que lle puxeron voz a esta denuncia coa lectura de diferentes textos.

Os soportais do concello de Redondela acollían ás doce do mediodía o acto institucional no día Contra a violencia de xénero. A chuvia e os paraugas estiveron presentes entre o público que asistía a un acto no que a concellería de igualdade, Teresa París, quixo lembrar de xeito especial á Mª Jose´Mateo “Sesé”, veciña de Chapela que no pasado mes de febreiro era asasinada pola súa ex parella.

O seu é un dos nomes que se suma a unha dramática listaxe na que se contabilizan 44 mulleres asasinadas no que vai de ano e que día a día lembran no CIM (Centro de Información ás mulleres) cunhas simbólicas macetas nas que se ven flores artesanais ás que lle asigna o nome desa mulleres que “xa non están con nós porque alguén inxustamente decidiu que así fora”.

Protagonismo tamén para os máis novos, rapaces e rapazas do IES Mendiño que fixeron a lectura de diferentes texto nos que se reflexionaba sobre esta cuestión.

Pola tarde as actividades continúan cunha charla sobre prevención da violencia de xénero a cargo da Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella e estrea da curtametraxe “Miña” de Michael Cassidy ás 18:30 horas no local da Asociación Cultural de Cesantes.