O proxecto, que comeza en xaneiro, terá unha duración de dous anos e será “transversal”. Traballarán co Concello, e tamén no ámbito escolar, familiar e laboral para promover estilos de vida saudable como alternativa ao consumo de drogas. Desde a asociación advirten que a prevención cos rapaces debe facerse “desde que nacen” e non agardar á adolescencia, cando se presenta o problema.

O programa foi presentado esta mañán no concello de Redondela. As concellerías de Xuventude e Servizos Sociais, que dirixen Julio Mougán e Carmen Amoedo, participarán neste proxecto que financia a Xunta de Galicia. O edil de Xuventude salientou a importancia desta iniciativa pola súa “transversalidade”, xa que implicará a varios departamentos municipais e tamén a escolas, institutos e colectivos sociais. Laura Durán, psicóloga e responsable do proxecto, explicou os diferentes ámbitos nos que traballarán ao longo dos anos 2018 e 2019. O seu obxectivo será sempre “a prevención” no ámbito escolar, familiar e laboral para fomentar estilos de vida saudable e evitar factores de risco.

Érguete levan moitos anos traballando na prevención de drogodependencias, unha tarefa que é preciso facer cos nenos “desde que nacen”, como explica Elvira Rivas, coordinadora da asociación. Sinala que é un erro agardar ata a adolescencia para comezar a falar cos rapaces. Por iso o programa inclúe actuacións en colexios de educación infantil, primaria e institutos, tanto dirixidos a alumnos como a mestres, pais e nais.

A concelleira de Servizos Sociais salienta e importancia da posta en marcha deste programa xa que a problemática do consumo de drogas é unha realidade no municipio. Carmen Amoedo advirte que o seu departamento ten detectado que existe un primeiro contacto coas drogas xa entre rapaces novos, de 13 ou 14 anos. Redondela ten implantado xa outro programa de Hábitos Saudables, no que participan tanto o Concello, como centros de ensino, asociacións de pais e nais e outros colectivos.

Amoedo salienta que o proxecto de Érguete servirá tamén como complemento para que os dous programas sexan máis efectivos. A primeira xuntanza do programa de prevención de drogodependencias de Érguete será o próximo mes de xaneiro, no Concello, coas directivas dos colexios e institutos do municipio.

 

Fonte : Radio Redondela