Pasaron 40 anos xa desde que comezaron as obras na ponte no que daquela se coñecía coma o estreito de Rande. Os 1.600 metros que separan as dúas beiras das rias quedaron unidas por unha ponte logo dunha obras que avanzaron a unha media dun metro diario. A enxería civil tamén mudou moito nas últimas catro décadas. As obras de ampliación que hoxe culminan eran todo un desafío pola súa complexidade.

Foron case dous anos de traballos sen que en ningun momento se interrompese o tráfico na Ponte. Á inauguración asistiron este mediodía os presidentes do Goberno e da Xunta entroutras autoridades. Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo destacaron o reto para enxeñería civil que supuxo esta ampliación e os beneficios que traerá para zona de Vigo.

Abren ao tráfico tras dous anos e medio de traballos os dous novos carrís, un por sentido, da Ponte de Rande. É a primeira vez que se amplía no mundo unha ponte atirantada sen pechar a circulación dos 60.000 vehículos que pasan por aquí cada día de media. A obra custou 192 millóns de euros. Como hai 40 anos cando se construiu, a súa ampliación en dous carrís e 80 novos tirantes, di Rajoy que é pioneira e que será moi produtiva polo seu retorno económico e social.

O presidente do Goberno e Feijóo tiveron palabras de recoñecemento para o Goberno Zapatero, que iniciou a obra, e coincidiron en reflexionar sobre as peaxes na xuntanza da comisión Xunta-Ministerio sobre a AP9 que se celebra en xaneiro. O presidente da Xunta agradeceu o compromiso e valentía, dixo, de Rajoy con Galicia e destacou a fin desta ampliación coa da autovía do Morrazo prevista para os próximos meses.

Durante este acto, o presidente do Goberno reiterou que o AVE chegará no 2019. Rajoy anunciou tamén un investimento de 50 millóns nos aeroportos galegos nos próximos catro anos.

 

Fonte:TVG