O Ministerio de Fomento decidiu pechar ao tráfico o treito do novo carril da autoestrada AP-9 ao seu paso polo colexio Igrexa de Chapela, en Redondela. O obxectivo é protexer os alumnos do centro. O Ministerio accede así á petición da comunidade escolar do colexio, que está separado da autoestrada só por un muro. Profesores e pais protestaban pola ampliación da autoestrada porque consideran que pon en perigo a seguridade dos rapaces. Ademais din que o ruído dos coches afecta a actividade docente. Fomento anuncioulles que en 15 días licitará a obra para a construción dun novo centro nun punto máis afastado da AP-9. A ANPA do colexio amosouse satisfeita por estes anuncios.