Ardeu unha casa en Reboreda, en Redondela. O lume empezou pouco despois da nove da noite. Tiveron que intervir os Bombeiros de Vigo e do Porriño. Foi unha veciña a que alertou os servizos de urxencias ao decatarse do intenso fume que saía do faiado dun inmoble na rúa da Casanova. A vivenda está habitada pero naquel momento non había ninguén no seu interior, polo que só houbo que lamentar danos materiais. As lapas colleron moita intensidade e chegaron a calcinar as tres plantas da casa.

Moitos foron os veciños que se achegaron ao lugar por se fose precisa a súa colaboración, pero as dotacións de bombeiros do Baixo Miño e de Vigo lograron controlar o incendio e que non se propagase a outros inmobles. Xa de madrugada tiveron que regresar para evitar que se reavivasen as lapas.