O Ministerio de Fomento anunciou este martes a licitación das obras para a construción do novo colexio Igrexa en Chapela, trala expropiación do actual centro, afectado polas obras de ampliación da autoestrada AP-9 ao seu paso por esta parroquia de Redondela (Pontevedra). Segundo recordou o Ministerio, resolveuse a expropiación total deste colexio público e formulouse a súa reposición mediante a construción dun novo centro, no barrio de Cidadelle.

No marco dun convenio asinado entre o Concello de Redondela e a concesionaria da autoestrada, Audasa, a empresa redactou o proxecto do novo colexio, que foi aprobado en 2017. É a concesionaria a que licita e executa as obras, unha vez superados os trámites urbanísticos esixidos. Así, segundo confirmou Fomento, o pasado 17 de xaneiro Audasa remitiu as cartas de solicitude de proposicións dentro do procedemento negociado polo que se efectúa a licitación. Trala adxudicación e o resto de trámites, poderanse iniciar as obras a próxima primavera. O importe da licitación será de 3,6 millóns de euros, aos que hai que sumar un millón de euros da adquisición da parcela para o novo colexio (realizada en 2015 e entregada de forma inmediata ao Concello de Redondela).

 

Fonte:TVG