A directiva e o centenar de usuarios do club de remo de Chapela denuncian o mal estado das instalacións. Din que a nave está chea de goteiras e humidades por culpa dos vestiarios da piscina que está xusto no piso de arriba. Unha das deficiencias que máis lles preocupa é a falta dunha saída de urxencias na zona do ximnasio que os remeiros comparan cun zulo.

Hai cinco anos que se construíron as instalacións para albergar o club de remo de Chapela. Os usuarios aseguran que as deficiencias axiña comezaron a aflorar, sobre todo desde que se construíu a piscina na planta superior do edificio. Desde entón, as goteiras e as humidades son constantes e mesmo xa danaron algunhas embarcacións.

Outro dos problemas máis graves para o máis do cento de remeiros que acotío adestran nestas instalacións é a falta dunha saída de urxencias. O ximnasio situado ao fondo da nave non ten acceso directo ao exterior, temen que ante un incendio ou calquera incidencia poderían quedar atrapados.

O proxecto foi asinado polo anterior goberno de Redondela e a empresa construtora non se fai responsable xa que na actualidade está en quebra. Os usuarios do club lamentan que ninguén lles dea unha solución.

Fonte TVG