Importante golpe ao tráfico de haxix no noroeste peninsular. Hai sete persoas en prisión provisional e máis de 100 quilos de haxix aprehendidos. A organización tiña a base en Redondela e xa estaba ampliando o seu radio de acción a Asturias, a meseta e o norte de Portugal. Os sete detidos son naturais de Redondela e xa contaban con antecedentes policiais. Todos están en prisión provisional. Moitos meses estiveron os investigadores da Brigada Xudicial da Comisaría Vigo-Redondela tras a pista da organización.

Logo de identificaren o líder e a súa persoa de confianza, nun seguimento das rutas de transporte da droga sorprenderon un dos condutores. O home chocou contra un vehículo policial e fuxiu. Foi arrestado no norte de Portugal grazas á colaboración da Garda Nacional Republicana.
O rexistro do vehículo deu como resultado a aparición de 100 quilos de haxix en 95.000 belotas agochadas nun compartimento segredo. Este descubrimento precipitou o resto das detencións e os rexistros domiciliarios, onde os axentes se incautaron doutras pertenzas.